Xentes de aquí e de acolá…

marite-3.jpg 

Dentro de pouco voltarei a Galicia porque remata a miña etapa a fronte da Delegación da Xunta de Galicia en Bós Aires. Foi a primeira creada no exterior e tivo, ata agora, como ámbito de competencia Arxentina e Uruguai.

Síntome moi orgullosa por ter sido a primeira representante oficial do goberno galego nestes fermosos países dos que me levo unha grande aprendizaxe de vida e de coñecementos.

Comigo veñen tamén as amigas e amigos que fixen aquí, nesta terra de múltiples sementes frolecidas, onde a identidade plural e a multiculturalidade son o pan de cada día. Onde Galicia se percibe e se sinte na súa plenitude sen que a distancia física supoña unha eiva, porque a cercanía psicolóxica e emocional é o que manda.

Hoxe recibín dous correos marabillosos. Un que recolle o artigo que publica Manolo Rivas en El País explicando todo isto coa sabidoría do escritor e do ser humano que vive de perto a realidade desta Galicia extracorpórea.Envióumo Adela Fernández Cruz, psicóloga social, ourensana-arxentina que me perseguiu incansable cando cheguei para participar nuha actividade organizada pola Universidade de Boloña sobre o papel das mulleres na conformación do Mercosur. 

Outro é un fermoso poema cantado e instrumentalizado por persoas de diferentes partes do mundo que interpretan ao unísono unha mesma canción, separadas por milleiros de kilómetros, pero facendo unha soa voz. Guillermo Hernández Cerviño, vigués, Conselleiro Laboral da Embaixada de España desde o pasado mes de xullo, foi que me achegou esta fermosísima versión coral de Stand by me. El é un dos cada vez máis numerosos expatriados que saen de Galicia, e España, a traballar no exterior, neste novo xeito de emigrar que nos trae o século XXI. 

Por último, ilustro este post, cunha fotografía feita en Córdoba con Marité Puga, redondelana afincada en Arxentina desde que tiña catro anos, ex-deputada, activista a prol das mulleres e coordenadora do programa SOS-Mujer contra a violencia de Xénero que celebrou onte o seu recoñecemento como diplomatura universitaria.

Eles tres representan a moitas e moitos outros, que,  como di a canción, Stand by me, permanecen comigo:

                                   

                                    

 

Proposición para refundar Galicia enteira    

MANUEL RIVAS – EL PAÍS – 06/03/2009
 

Os xornais de onte informaron que Xosé Manuel Beiras volveu como un D. Sebastião do nacionalismo e que propuxo a refundación do BNG. E digo eu: non poderíamos aproveitar para refundar un pouco todo? Na dereita hai quen fala de rexeneración. Na esquerda, tamén se anda á procura da renovación. O mesmo Papa fala de refundar a Igrexa de Cristo. E a economía, a cultura, o xornalismo… Por que non refundar Galicia enteira?Como é ben sabido, Galicia foi fundada en América.Estaría ben refundar Galicia na propia Galicia. Mais coido que o que imos ter unha longa tempada vai ser unha vella política presentada como nova.
A técnica que se utilizou na máis baleira campaña electoral da historia recente foi a chamada propaganda gris. E da propaganda gris o natural é que derive unha política gris que tinxa Galicia de gris. Agora que se foron os neocon en Estados Unidos, atopámonos de súpeto nunha nave espacial chamada NeoGalicia. Xa o dixo Díaz Castro en Penélope, un dos nosos poemas bíblicos: «Un paso adiante e outro atrás, Galicia, / e a tea dos teus soños non se move».A verdade é que Galicia, a Galicia moderna, naceu en América. Foi soñada en América. Mesmo na súa principal simboloxía: o Himno, a bandeira e a Academia Galega da Lingua.
E en América sobreviviu Galicia en longas xeiras da historia contemporánea, as moitas veces que o país estivo entangarañado polas pestes, fosen a da pataca ou a do escurantismo absolutista, tivera este a face monárquica do Rei Felón (Fernando VII) ou directamente a dun ditador matachín, Franco.En América sobreviviu a xente, atopou pan e traballo. Alí re-existiu a cultura galega. Nas artes, na literatura, no xornalismo, no deseño gráfico. Mesmo A Rianxeira foi composta e gravada en América! Alí tivo continuidade a propia concepción de Galicia como espazo democrático, como pobo con dereito a gobernarse de xeito autónomo.
O primeiro Estatuto de Galicia, 1936, foi abortado en España pola dereita autoritaria, mais a lexitimidade autonómica foi custodiada en América polo Consello de Galiza, que tivo no deputado republicano Antón Alonso Ríos o seu derradeiro presidente. A vida de Antón Alonso é unha crúa metáfora da galaica historia. Salvouse da cacería humana disfrazado de mendigo. Con longas barbas, de branco brión, na vida fuxido na fronteira, perseguido por gardas e gardiñas, protexeuno moito a natureza, o exército do bosque. Até que, vía Lisboa, acadou a salvación en América.
En América, como dixemos, Alonso Ríos foi un custodio da lexitimidade democrática e autonómica. Mais cando saímos da ditadura, cando o catalán Tarradellas e o vasco Leizaola retornaron do exilio co trato de presidentes, case ninguén sabía daquel vello mohicano. Esquecido, enfermo, pobre, aquel ancián deixouse morrer atropelado nun camiño de ferro.Non se pode entender Galicia sen América. Non se pode entender Galicia sen a emigración, para a que se inventou o eufemismo de «residentes ausentes». Non se pode entender nin por cultura nin por economía.
Os principais bancos e xornais de prensa (tanto Faro de Vigo como La Voz de Galicia) fornecéronse uns coas remesas dos emigrantes e outros cos grandes anuncios diarios das consignatarias transatlánticas. Como foron os emigrantes os que crearon o primeiro sistema escolar merecedor de tal nome, con máis de 300 centros de ensino. Os máis modélicos, os que seguían a semente racionalista de Ferrer i Guardia, serían tamén demonizados polo conservadorismo túzaro e feitos desaparecer. Si, Galicia foi fundada en América. E sostida pola diáspora de centos de miles de mozos que ateigaron os trens de Europa nas décadas dos anos sesenta e setenta do século XX.
 
Este pequeno relatorio é incompleto e talvez innecesario. Aquí, no país dos mil museos, nin un cativo museo da emigración fomos quen de erguer. Existe ese museo, limitado en espazo máis rico e emotivo nos contidos, na Federación de Sociedades Galegas, na rúa Chacabuco, 955, de Bos Aires. Un bo lugar, por certo, para refundar Galicia, imaxinala como Rede creativa, como país portátil, idear a TransGalicia, aberta, vangardista, solidaria, internacionalista, fronte ao anacrónico futuro da NeoGalicia traída pola propaganda gris.Dentro da emporcada, rara e gris campaña electoral, houbo un texto que me causou especial turbación e tristeza. O manifesto titulado Se resides, decides.
Doeu porque respecto moito á xente que o asinou. Porque sei que a intención primeira é a dun proceso electoral na emigración o máis limpo posíbel. Algo que, por certo, vén sendo reclamado polas asociacións máis activas da diáspora, como Fillos de Galicia.Org. Que sexan galeguistas, mesmo persoas sobranceiras na cultura, os impulsores do manifesto é un dos contrasentidos que estamos a vivir. Un feito máis que demostra a necesidade de repensar, de profundar e refundar moitas cousas.O chamado voto emigrante non é un problema. É dereito de cidadanía. Un dereito que ninguén, dende unha ollada progresista, pode pretender capar.
Outra cousa é a necesidade de reformar o sistema de votación. A necesidade de elaborar un censo rigoroso e de estabelecer o voto en urna ou coas máximas garantías. Mais o texto é errado na súa afirmación central: «A iniciativa aspira a dar resposta ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do actual sistema electoral, que recoñece dereito pleno a colectivos que residen no exterior e cuxo único vínculo co país consiste precisamente no exercicio do dereito a voto ao tempo que mingua, ou directamente nega, dereitos a colectivos que residen de forma permanente no país (mariñeiros, penados, inmigrantes)».
Os tópicos son sempre desacertados. Máis neste caso. Quen pode afirmar que os que residen no exterior só teñen por vínculo co país o dereito a votar? Por suposto, non é así na maioría emigrante. Pero, postos a comparar, eu aínda iría máis lonxe: hai hoxe galegos e galegas nados en Arxentina, en Uruguay, en Estados Unidos, en Inglaterra, Alemaña ou Francia… que teñen máis coñecemento da cultura galega e dos problemas da Galicia territorial que xente que vive aquí e á que lle importa un nabo o pasa alén da Ponte da Pasaxe ou da Ponte de Rande.O outro erro é contrapoñer os dereitos dos emigrantes, comezando polo voto, cos dos inmigrantes e outros colectivos. Verbo de dereitos humanos, cómpre abrir portas, mais sen pechar as que están xa abertas.
É unha vergoña que non se artellase aínda un sistema operativo que permitise votar aos mariñeiros. É unha inxustiza que non voten os inmigrantes que levan anos traballando, tan galegos como calquera. Mais, por que mesturar ese asunto co voto emigrante?Habería que refundar Galicia, si. Aproveitar a máquina de escribir de Castelao. O que pasa é que trouxemos o morto, mais deixamos alí a máquina coa que soñaba o futuro e alimentaba a esperanza.

© Diario EL PAÍS S.L. – Miguel Yuste 40 – 28037 Madrid [España] – Tel. 91 337 8200© Prisacom S.A. – Ribera del Sena, S/N – Edificio APOT – Madrid [España] – Tel. 91 353 7900

Esta entrada fue publicada en Amigas, amigos, amig@s, Ámbito privado, Para disfrutar..., POLÍTICA y etiquetada . Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario